Saltar ao contido
Blog

Axudas á dixitalización de pemes en Galicia (IG300C): que cobren e que non

A IG300C do Igape subvenciona proxectos de dixitalización de pemes e autónomos galegos, pero non unha web de escaparate. Que entra, canto cobre, o mínimo de 12.000 € e os erros que deixan unha solicitude fóra, cos datos da convocatoria de 2026.

Por Miguel A. Taboada
· 7 min de lectura

A principal axuda á dixitalización de pemes en Galicia é a IG300C do Igape, cofinanciada con fondos Feder. Cobre proxectos que poñen en marcha unha solución dixital de verdade (pedidos, reservas, pagamentos, xestión, ERP, loxística, ciberseguridade), non unha web informativa nin campañas de márketing. O proxecto ten que sumar polo menos 12.000 € subvencionables e a axuda vai do 10 % ao 50 % segundo o tipo de gasto e o tamaño da empresa. A convocatoria de 2026 estivo aberta do 11 de xuño ao 10 de xullo e xa está pechada.

Pregúntanmo a miúdo: «Hai algunha axuda para facer a web?». A resposta curta é que, para a web de escaparate dun pequeno negocio, esta non. Pero se o que precisas é que a web faga traballo (que reciba pedidos ou reservas e os pase ao teu sistema de xestión, por exemplo), si pode encaixar. Velaquí o que din as bases oficiais, publicadas no DOG núm. 107 do 10 de xuño de 2026, sen adornos.

Quen pode pedir a axuda IG300C?

As pemes de calquera forma xurídica, incluídos os autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia onde se vaia facer o proxecto. Hai exclusións: as comunidades de bens e outras agrupacións sen personalidade xurídica (agás autónomos), as empresas en crise, parte do sector da pesca e a acuicultura, e as empresas que se dediquen ao mesmo que queren mercar (unha empresa de software non a pode pedir para mercar software similar ao que vende).

Que proxectos entran?

As bases distinguen seis tipoloxías. O proxecto ten que encaixar nunha principal:

  1. Interfaces e canles dixitais con terceiros: solucións para contratar, reservar, pedir, pagar ou dar servizo posvenda a clientes ou provedores, integradas coa operativa da empresa (tamén intercambio de datos por EDI ou API).
  2. Dixitalización e automatización de procesos internos concretos, cos seus cadros de mando.
  3. Sistemas de xestión integral, como un ERP, coa súa configuración e migración de datos.
  4. ASG medido con tecnoloxía: sistemas para medir consumos, residuos, pegada e outros indicadores ambientais, sociais e de goberno.
  5. Ciberseguridade para a operación dixital da empresa.
  6. Mellora da función loxística: almacén, transportes, rastrexabilidade de envíos.

En todos os casos esíxese que a solución quede implantada e funcionando en contorno real, con resultados que se poidan comprobar. Un estudo, un plan ou un deseño que non se chega a poñer en marcha non se subvenciona.

Págame a páxina web esta axuda?

Depende do que faga a web. As bases dino expresamente: non son subvencionables as webs ou aplicacións meramente informativas, os catálogos dixitais sen función de pedido ou venda, nin o márketing dixital, a publicidade, as redes sociais ou a creación de contidos cando non inclúan procesos de contratación, pedido, reserva, pagamento ou atención posvenda.

ProxectoEncaixa na IG300C?
Web de presentación con servizos, fotos e contactoNon: é informativa
Campaña en redes ou anunciosNon: é márketing
Tenda ou sistema de reservas conectado coa túa xestión (stock, facturación, axenda)Pode encaixar na tipoloxía 1, se chega ao mínimo
Automatizar un proceso interno (orzamentos, partes de traballo, pedidos a provedores)Pode encaixar na tipoloxía 2
Implantar un ERPPode encaixar na tipoloxía 3

E hai outro filtro: o mínimo de 12.000 € subvencionables por proxecto. A web dun pequeno negocio case nunca chega a esa cifra, así que, aínda que fose de venda, por si soa tampouco entraría. Onde si ten sentido é en proxectos máis grandes nos que a web é só unha parte: por exemplo, unha tenda en liña unida ao programa de xestión e ao almacén, ou unha aplicación á medida que substitúe papel e follas de cálculo.

Canto cobre a axuda?

A porcentaxe depende de que tipo de gasto sexa e de se es pequena ou mediana empresa:

Tipo de gastoPequena empresaMediana empresa
Investimentos (software en propiedade, implantación, equipos específicos), se se acollen ao artigo 14 do RXEC35 %25 %
Investimentos acollidos ao artigo 17 do RXEC20 %10 %
Consultoría externa ligada ao proxecto50 %50 %
Licenzas temporais, subscricións e SaaS (só como complemento, en minimis)50 %50 %

Que artigo se aplica a cada gasto non o escolles ti: decídeo o Igape e indícao na resolución. O IVE non se subvenciona. Como exemplo con números redondos: unha pequena empresa que inviste 20.000 € (sen IVE) en implantar software en propiedade e obtén o 35 % recibiría 7.000 €; se ese gasto quedase no artigo 17, serían 4.000 €.

A resolución adianta o 80 % da subvención unha vez aceptada, e tes que pór do teu peto (ou con financiamento sen axuda pública) polo menos o 25 % do investimento.

Que non se paga?

  • Ordenadores, portátiles, móbiles, tabletas e impresoras normais (só se admite equipo moi específico, como lectores de códigos ou terminais industriais, se é imprescindible).
  • Mantemento, cotas recorrentes e servizos permanentes.
  • Formación.
  • Publicidade e servizos ordinarios (asesoría fiscal, servizos xurídicos periódicos).
  • Maquinaria cuxa función principal sexa producir, aínda que teña compoñentes dixitais.

Que erros deixan unha solicitude fóra?

  • Comezar antes de pedila. Se asinas un orzamento, fas un pedido ou pagas algo antes de presentar a solicitude, o proxecto considérase iniciado e deixa de ser subvencionable. Primeiro pídese; despois contrátase.
  • Non pedir tres ofertas. A partir de 15.000 € por gasto hai que ter polo menos tres orzamentos de provedores distintos, non vinculados entre si, comparables e con data. Por norma subvenciónase o máis barato.
  • Unha memoria vaga. É concorrencia competitiva: puntúase sobre 100 e cómpren polo menos 40 puntos. A calidade técnica do proxecto vale ata 65 puntos (situación de partida, alcance, plan de implantación e resultados medibles); o orzamento ben desagregado e a capacidade dos provedores, ata 15; pertencer a un dos sectores industriais estratéxicos de Galicia (naval, automoción, TIC, metalmecánico, madeira, loxística industrial, alimentación, téxtil e construción), 15; e estar nun concello emprendedor, 5.
  • Provedores vinculados coa empresa ou cos seus responsables.
  • Non manter o subvencionado: o investimento ten que seguir no teu centro de Galicia tres anos despois de rematar o proxecto.

Cando sae a próxima convocatoria?

A de 2026 publicouse o 10 de xuño, tivo un mes de prazo (do 11 de xuño ás 9:00 ao 10 de xullo ás 14:00) e repartía 3 millóns de euros entre proxectos de tres tamaños: menos de 50.000 €, de 50.000 € a 120.000 € e máis de 120.000 €. Os proxectos aprobados poden executarse ata o 30 de xuño de 2027.

A data da seguinte non está publicada. O que si se ve na ficha do procedemento na sede da Xunta é que se convocou cada ano desde 2018. Se che interesa, o útil é ter o proxecto definido e os orzamentos pedidos antes de que saia, porque un mes pasa axiña.

Como te podo axudar eu?

Eu non tramito subvencións: para iso hai consultoras e xestorías, e o propio Igape atende no 900 815 151. O que si fago é axudarche a definir o proxecto técnico (que hai que dixitalizar, como se conecta co que xa usas e que resultado se vai poder comprobar) e darche un orzamento por escrito, detallado e con data, como o que piden as bases. Se o teu proxecto é máis pequeno e non chega ao mínimo, tamén che digo con claridade canto custaría facelo sen axuda; tes prezos orientativos en canto custa unha páxina web. Pídeme orzamento e vémolo.

Preguntas frecuentes

Poden pedir a IG300C os autónomos?

Si. As bases inclúen expresamente os empresarios autónomos con centro de traballo en Galicia. As comunidades de bens, en cambio, quedan fóra.

Cal é o proxecto mínimo?

12.000 € de importe subvencionable, sen IVE. Por debaixo desa cifra a solicitude non se admite.

Pódese pedir a axuda para unha web que xa está feita?

Non. Os gastos non poden ser anteriores á solicitude: un contrato asinado, un pedido ou unha factura previa fan que o proxecto se considere iniciado.

Cantas solicitudes pode presentar unha empresa?

Na convocatoria de 2026, un máximo de dúas por peme.

Onde se presenta?

Só por internet, na oficina virtual do Igape (spiga-sede.igape.es), con certificado dixital. Se se presenta en papel, o Igape pide que se refaga por vía electrónica.

Miguel A. Taboada

Miguel A. Taboada

Deseño e desenvolvo webs, apps e IA útil desde Vigo. Escribo sobre o que vexo cada semana coidando webs de artistas, escolas e pemes.