Saltar ao contido
Blog

Orzamento de páxina web: que debe incluír e como lelo

Un orzamento de web non é só unha cifra: ten que dicir que se fai, que non, canto se paga cada ano, en que prazos e a nome de quen queda todo. Explícoche como lelo antes de asinar.

Por Miguel A. Taboada
· 8 min de lectura

Un bo orzamento de páxina web di por escrito que se vai facer (páxinas, idiomas, textos, SEO e funcións), que queda fóra, canto custa con e sen IVE, que se paga cada ano despois, en que prazos, como se paga e a nome de quen quedan o dominio e a web. Se falta algunha desas cousas, pregunta antes de asinar: é aí onde aparecen os sustos.

Cando alguén me ensina un orzamento de web que lle pasaron, case nunca o problema é a cifra. O problema é o que non pon. Dous orzamentos de 1.200 € poden ser dous traballos moi distintos, e un de 900 € pode acabar saíndo máis caro ca outro de 1.500 €. Se o que buscas son prezos orientativos, tes eses datos en canto custa unha páxina web en 2026. Aquí vou a outra cousa: como é por dentro un orzamento que se poida entender e comparar.

Que ten que incluír un orzamento de páxina web?

Estas son as partidas que deberías ver por escrito. Non fai falta que veñan con este nome, pero si que estean:

Partidas dun orzamento de web e que mirar en cada unha
PartidaQue debería dicirPor que importa
Páxinas e secciónsCantas e cales (inicio, servizos, sobre min, contacto…)«Unha web» pode ser unha páxina ou dez
IdiomasCales e quen traduceCada idioma é case outra web que escribir e revisar
Textos e fotosSe os pos ti ou se encargan á parteÉ a partida que máis se esquece e máis atrasa
FunciónsFormularios, reservas, tenda, zona privada…Cada función suma horas e mantemento
Xestor de contidosSe poderás cambiar ti os textos e con que ferramentaDecide se dependes de alguén para cada cambio
SEO de partidaTítulos, velocidade, mapa do sitio, alta en Search ConsoleSen isto, a web existe pero ninguén a atopa
Textos legaisAviso legal, privacidade e cookiesToda web dun negocio ten que identificar o seu titular
Custos anuaisDominio, aloxamento e mantemento, co seu prezoÉ o que pagarás todos os anos, non só o primeiro
PrazosCando comeza, cando se entrega e que necesita de tiSen datas, todo se alonga
PagamentoImporte con e sen IVE, cando se paga e comoEvita malentendidos coa factura
PropiedadeA nome de quen quedan o dominio, a web e os accesosSe cambias de provedor, tes que poder levalo contigo

Un orzamento non ten que ser un documento de vinte páxinas. Cunha folla clara chega. O importante é que o que falastes por teléfono quede escrito, porque dentro de tres meses ningún dos dous se vai lembrar igual.

Que adoita quedar fóra dun orzamento de web?

O que non está escrito, normalmente non está incluído. Estas son as cousas que máis veces vexo fóra, e que logo se cobran á parte ou non se fan:

  • Escribir os textos. Moitos orzamentos dan por feito que llos pasas ti. Se non os tes, pregunta antes.
  • As fotos. Nin sesión, nin banco de imaxes, nin retoque, agás que o poña.
  • As traducións. «Web en dous idiomas» ás veces significa «a estrutura está preparada para dous idiomas»: os textos tradúcelos ti.
  • Os cambios despois de entregar. Cantas roldas de revisión entran? Que pasa se queres cambiar algo ao mes seguinte?
  • O correo. Pasar as contas de correo do teu dominio a outro sitio é un traballo de seu. Se a túa web cambia de servidor, pregunta que pasa co correo.
  • O segundo ano. Hai ofertas con dominio e aloxamento «incluídos» que só o están o primeiro ano.

Non é que nada disto sexa malo. Que alguén non escriba os teus textos é razoable se os tes. O malo é decatarte despois.

O prezo dun orzamento de web leva IVE?

Depende de como estea escrito, e por iso hai que miralo. Entre profesionais é habitual dar os prezos sen IVE, e o IVE súmase na factura. En España o tipo xeral é do 21 % (artigo 90 da Lei 37/1992 do IVE). Así, unha web de 1.400 € sen IVE son 1.694 € con IVE. Se tes un negocio e podes deducir o IVE, a cifra que che importa é a de sen IVE; se non, a que vas pagar é a outra.

Un orzamento ben feito pon as dúas cifras ou, polo menos, di claramente «sen IVE» ou «IVE incluído». Se non o pon, pregunta. E pide sempre factura: quen fai webs como profesional ten que darche unha factura co seu NIF e o IVE desagregado, que é a que che vale para a túa contabilidade.

Que sinais nun orzamento deberían facerte desconfiar?

  • Unha soa cifra sen desagregar. «Web corporativa: 990 €» non che di que compras.
  • O dominio a nome do provedor. O dominio é o enderezo do teu negocio. Ten que estar ao teu nome, aínda que o xestione outra persoa.
  • Mantemento «incluído» sen dicir que é. Pode ser unha vixilancia diaria ou pode non ser nada. Pregunta que se fai, cada canto e que pasa se a web cae.
  • Permanencias agochadas. Unha web barata atada a unha cota de dous ou tres anos pode saír moito máis cara. Mira se podes darte de baixa e con canto aviso.
  • Sen prazos. Se non hai unha data aproximada de entrega, non hai forma de saber se o proxecto vai ben ou vai tarde.
  • Sen factura. Se che propoñen pagar «sen papeis», non tes nada que reclamar se algo sae mal.

Que teño que contar para que o orzamento sexa exacto?

A metade dos orzamentos que non encaixan fallan pola pregunta, non pola resposta. Se pides «unha web sinxela», cada quen entende unha cousa. Canto máis concreto sexas, máis doado é comparar:

  1. Que fai o teu negocio e a quen te diriges.
  2. Que queres que faga a web: que te chamen, que reserven, que merquen, que te atopen en Google…
  3. Que páxinas imaxinas e en que idiomas.
  4. Se tes textos, fotos e logotipo, ou hai que facelos.
  5. Se xa tes web e dominio, e quen os xestiona agora.
  6. Se hai algunha data que che importe: unha apertura, unha tempada, unha feira.
  7. Se queres cambiar ti os textos ou prefires que cos cambien.

Un exemplo. Imaxina unha perruquería que pide orzamento a tres sitios cun «queremos unha web sinxela». Chéganlle tres cifras moi distintas e ningunha se pode comparar: unha inclúe reservas, outra non; unha escribe os textos, outra pídeos; unha cobra o aloxamento á parte. Se no canto diso manda unha lista con «catro páxinas (inicio, servizos e prezos, equipo, contacto), en galego e castelán, con reserva de cita, textos e fotos nosos, dominio tunegocio.es xa rexistrado», os tres orzamentos responden ao mesmo e a comparación é xusta.

Como é un orzamento en unmedia?

Cóntoche como o fago eu, para que teñas unha referencia concreta:

  • Pechado e por escrito, co que inclúe e o que non. O prezo que che dou é o que pagas.
  • Prezos de partida publicados, sen IVE: unha web dunha soa páxina desde 600 €; unha web de empresa de ata seis páxinas desde 1.400 €, co primeiro ano de coidado incluído; cada idioma extra, 125 €; unha tenda en liña desde 1.500 €; unha automatización desde 400 €. Os encargos pequenos, a 40 € a hora, e dígoche antes canto vai levar.
  • Factura legal con NIF e IVE, e pagamento por transferencia a unha conta ao meu nome.
  • O dominio, a web e os accesos son teus. O coidado mensual non ten permanencia: abonda con avisarme cun mes de antelación.
  • Se a túa web recolle datos persoais, asino contigo o contrato de encargado do tratamento que esixe o RXPD.

O que pasa despois de entregar, con cotas e que inclúe cada unha, explícoo en mantemento web. E se xa tes un orzamento doutro sitio e non o acabas de entender, mándamo: dígoche que inclúe e que non, aínda que non traballes comigo. Para pedir o teu, cóntame que necesitas en orzamento.

Preguntas frecuentes

Que debe incluír un orzamento de páxina web?

Como mínimo: páxinas e idiomas, quen pon textos e fotos, as funcións (formularios, reservas, tenda), se poderás cambiar ti os contidos, o SEO de partida, os textos legais, os custos de cada ano (dominio, aloxamento e mantemento), os prazos, o importe con e sen IVE, a forma de pagamento e a nome de quen quedan o dominio e a web.

Os orzamentos de páxinas web levan IVE?

Entre profesionais é habitual dar o prezo sen IVE e sumalo na factura. En España o tipo xeral é do 21 %, así que 1.400 € sen IVE son 1.694 € con IVE. Un bo orzamento indícao sempre; se non o pon, pregunta.

Por que dous orzamentos de web son tan distintos?

Porque case nunca orzamentan o mesmo: cambian as páxinas, os idiomas, quen escribe os textos, o SEO ou o que pasa despois de entregar. Se mandas a todos a mesma lista do que necesitas, as cifras xa se poden comparar.

Que pasa se despois quero engadir algo que non estaba no orzamento?

O normal é orzamentalo á parte antes de facelo. En unmedia, os cambios pequenos cóbranse a 40 € a hora sen IVE, dicíndoche antes canto van levar, ou entran na media hora ao mes do paquete Coidado se o tes.

Ten que estar o dominio ao meu nome?

Si. O dominio é o enderezo do teu negocio en internet. Se está ao teu nome, podes cambiar de provedor cando queiras sen perder a web nin o correo.

Miguel A. Taboada

Miguel A. Taboada

Deseño e desenvolvo webs, apps e IA útil desde Vigo. Escribo sobre o que vexo cada semana coidando webs de artistas, escolas e pemes.