Deseño web en Vigo, con prezo pechado e trato directo.
Son Miguel A. Taboada e deseño e programo webs desde 2007, desde Vigo. Fago páxinas web rápidas e á medida para negocios, autónomos e proxectos de Vigo e a súa comarca, pensadas para que te atopen en Google, en Google Maps e nas respostas da IA. Falas sempre comigo.
Que leva unha páxina web feita en Vigo comigo.
Deseño á medida e rápido
Sen modelos comprados: a web deséñase arredor do que vendes. Carga ao momento, tamén no móbil, que é desde onde te busca case todo o mundo.
Lista para o SEO local
Títulos, textos e datos estruturados que lle din a Google que fas e en que parte de Vigo e da comarca traballas, coherentes coa túa ficha de Google Maps.
Galego, castelán e inglés
Cada idioma co seu propio enderezo, para que Google lle amose a versión boa a cada persoa: aos teus clientes de aquí e a quen chega de fóra.
Visible na IA
Contido claro e preguntas ben respondidas para que ChatGPT, Claude, Perplexity ou a IA de Google te citen cando alguén pregunta polo teu en Vigo.
Formularios que se comproban
Cada mañá envíase unha proba por cada formulario e compróbase que chega. Se algo falla, entérome eu antes de que perdas un cliente.
Túa e coidada
O dominio e a web son teus. Despois coídoa nun servidor propio, con copias diarias, actualizacións e vixilancia de caídas.
Canto custa o deseño web en Vigo.
Son prezos de partida. A cifra pechada dóucha por escrito antes de comezar, e non cambia se non cambia o encargo.
| Que necesitas | Desde | Que inclúe |
|---|---|---|
| Web dunha páxina | 600 € | Unha soa páxina co esencial do teu negocio e o teu contacto. Para comezar con bo pé. |
| Web de empresa | 1.400 € | Ata seis páxinas nun idioma, co primeiro ano de coidado incluído. |
| Cada idioma máis | 125 € | Galego, castelán ou inglés, cada un co seu propio enderezo. |
| Tenda en liña | 1.500 € | Para vender en liña, tamén fóra de horario. |
| Coidado da web | 35 €/mes | Servidor, copias, actualizacións e vixilancia. Sen permanencia. |
| Encargos pequenos | 40 €/hora | Cambios soltos nunha web que xa tes. |
Se queres o detalle do que entra en cada partida, explícoo en Canto custa unha páxina web en 2026? e en orzamento de páxina web en Vigo: un exemplo e que debe incluír.
Así facemos a túa web, paso a paso.
Escoitar
Cóntasme que fas, a quen lle vendes e que che frea. Por videochamada, por teléfono ou, se estás preto, en persoa.
Propoñer
Mándoche un orzamento por escrito co que inclúe, o prazo e o prezo pechado.
Construír
Deseño e programo a web por partes e vela avanzar. Ti decides en cada paso.
Publicar e coidar
Publícoa, dóua de alta en Search Console, reviso a túa ficha de Google e sigo coidándoa.
Con garantías
- Orzamento pechado e por escritoSabes que inclúe e canto custa antes de comezar.
- Factura legalSon autónomo en Vigo, dado de alta en Facenda: factura con NIF e IVE, válida para a túa contabilidade.
- Pago seguroPor transferencia bancaria a unha conta ao meu nome.
- Os teus datos, protexidosSe a túa web recolle datos persoais, asino contigo o contrato de encargado do tratamento que esixe o RGPD.
Que ten que ter a web dun negocio de Vigo.
Quen busca un servizo en Vigo adoita facelo desde o móbil e con présa: quere saber se estás aberto, canto custa e como chegar ou escribirche. Unha web que vende aquí responde a iso na primeira ollada.
- O que fas e onde, nunha frase. «Fisioterapia en Teis» ou «reformas en Vigo e Redondela» di máis ca un eslogan, ás persoas e a Google.
- Os mesmos datos ca na túa ficha de Google. Nome, enderezo, teléfono e horario idénticos na web e en Google Maps. Se non coinciden, Google desconfía.
- Un botón para chamar e outro para WhatsApp. Moita xente de aquí prefire escribir un WhatsApp antes que encher un formulario.
- Prezos ou, polo menos, desde canto. Aforra chamadas que non levan a ningures e atrae a quen xa está decidido.
- Galego e castelán, se a túa clientela os usa. E en inglés, se traballas con xente de fóra.
- Zona de servizo clara. Se vas a domicilio, di a que parte da comarca chegas: Vigo, Redondela, Cangas, Moaña, Nigrán, Baiona, O Porriño, Mos ou Gondomar.
- Rápida e segura. Unha web lenta perde visitas antes de cargar, e unha web sen actualizar acaba dando un aviso de perigo no navegador.
O primeiro que debería ver o teu cliente, segundo o sector.
| Sector | O que vai arriba | O erro máis habitual |
|---|---|---|
| Hostalaría | Carta en texto, horario e reservar | A carta en PDF ou en foto |
| Comercio | Que tes e como chegar | Unha web xenérica sen produtos nin fotos propias |
| Clínicas | Equipo, tratamentos e pedir cita | Prometer resultados e formularios que piden de máis |
| Obradoiros e servizos a domicilio | Chamar ou WhatsApp, zonas e traballos | O teléfono agochado ao final da páxina |
| Industria e naval | Capacidades, certificacións e inglés | Textos vagos que non din que sabes facer |
| Turismo | Fotos, dispoñibilidade e reserva directa | Un só idioma, ou traducións automáticas |
Se o que che preocupa é o mapa, mira o SEO local e na IA e, se Google amosa o teu negocio como pechado, por que pasa e como arranxalo.
Como escoller quen fai a túa web.
O prezo e un portafolio bonito non abondan. Estas son as preguntas que lle faría eu a calquera antes de encargarlle unha web, tamén a min; quen traballa ben respóndeas sen rodeos.
- De quen son o dominio e a web? Teus, ao teu nome desde o primeiro día, para que poidas levalos a outro sitio cando queiras.
- Quen fai as copias e onde se gardan? «O hosting xa fai copias» non é unha resposta: pregunta cantos días se gardan e se alguén probou a recuperar unha.
- Canto custa mantela cada ano? Por escrito e á parte do prezo da web. Unha web barata cun mantemento caro, ou sen ningún, sae máis cara en tres anos.
- Como saberemos se funciona? Como mínimo, alta en Search Console, a consola gratuíta de Google, para ver con que buscas te atopan.
- Que tal vai no móbil? Pide abrir no teu teléfono algunha web que xa fixese.
- Quen escribe os textos e pon as fotos? É onde máis se atrasan os proxectos: deixade claro quen fai que e cando.
- Quen che responde se algo falla? Un formulario de soporte ou unha persoa con nome e teléfono. As dúas cousas existen; escolle sabendo cal che toca.
E desconfía de tres cousas: «primeiro en Google en 24 horas, garantido», un dominio rexistrado ao nome do provedor e un prezo pechado que non detalla cantas páxinas, idiomas e funcións inclúe.
O que adoitan preguntarme sobre o deseño web en Vigo.
-
Canto custa unha páxina web en Vigo?
Comigo, unha web dunha soa páxina parte de 600 € e unha web de empresa de ata seis páxinas nun idioma, de 1.400 €, co primeiro ano de coidado incluído. Cada idioma máis suma 125 € e unha tenda en liña parte de 1.500 €. Son prezos sen IVE; a cifra pechada dóucha por escrito antes de comezar.
-
Hai que pagar unha cota mensual?
A web págase unha vez e é túa. Despois podes contratar o coidado (servidor, copias, actualizacións e vixilancia) desde 35 € ao mes sen IVE, sen permanencia: cancélase avisando cun mes. Na web de empresa, o primeiro ano de coidado vai incluído.
-
Traballas só con negocios de Vigo?
Non. Traballo desde Vigo con negocios da cidade e da comarca, como Redondela, Cangas, Moaña, Nigrán, Baiona, O Porriño, Mos ou Gondomar, e en remoto con clientes de toda España, Londres e Los Ángeles. Se estás preto, tamén podemos vernos en persoa.
-
Podes facer a web en galego e en castelán?
Si. Fago webs en galego, castelán e inglés, cada idioma co seu propio enderezo para que Google lle amose a cada persoa a versión que lle corresponde. Cada idioma máis suma 125 € ao prezo da web.
-
Axúdasme a saír en Google Maps?
Si. A web e a ficha de Google teñen que dicir o mesmo: nome, enderezo, teléfono, horario e servizos. Ao publicar a web reviso o teu Perfil de Empresa de Google e dóua de alta en Search Console. Se queres traballar o SEO local de xeito continuo, está o paquete Presenza, desde 75 € ao mes sen IVE.
-
WordPress ou web estática?
Se a túa web cambia pouco, unha web estática é máis rápida, máis segura e máis barata de manter. Se vas publicar a miúdo, como novas, datas ou produtos, poño un xestor de contidos para que o fagas ti. Decidímolo xuntos segundo como traballes.
-
Que é mellor, unha axencia ou un freelance?
Depende do que necesites. Unha axencia encaixa cando precisas moitas pezas coordinadas á vez, como marca, campañas e redes. Un profesional por conta propia, cando queres falar directamente con quen fai e coida a web; eu traballo así. En ambos casos, pregunta o mesmo: de quen é o dominio, quen fai as copias e canto custa o mantemento.
-
Preciso web se xa teño Instagram e ficha de Google?
Si, aínda que sexa pequena. Instagram e a ficha de Google non son túas e cambian as súas normas cando queren; a web si é túa, Google léa mellor e nela podes ter a carta, os prezos, as reservas ou os servizos explicados con calma. As tres compleméntanse.
Máis no blog: WordPress ou web estática? · Como aparecer en ChatGPT e na IA · Textos legais obrigatorios dunha web
Todo o que fago en webs, tamén fóra de Vigo, está en Webs que se atopan. Se xa tes web e o que necesitas é que alguén a coide, mira o mantemento web en Vigo; se o teu é unha ferramenta para o traballo diario, as apps á medida en Vigo.
Falamos da túa web?
Cóntame que fas e a quen queres chegar en Vigo. Dígoche con franqueza que necesita a túa web e canto custaría, e contéstoche eu. De luns a venres, de 9:00 a 18:00.