O meu negocio aparece pechado en Google Maps: por que pasa e como arranxalo
«Pechado temporalmente», «Pechado permanentemente» ou un horario que non é o teu. Por que Google amosa o teu negocio pechado, como o corrixes desde o teu Perfil de Empresa e que facer para que non volva pasar.
Se Google Maps di que o teu negocio está pechado, case sempre é por unha destas catro cousas: alguén marcou a ficha como pechada temporalmente e ninguén a volveu abrir; un usuario suxeriu que pecharas e Google aceptouno; Google cambiou os teus datos pola súa conta con información doutras webs; ou o teu horario está mal e non é que saias pechado, senón «pechado agora». Arránxase desde o teu Perfil de Empresa de Google: entras, volves poñer o horario e revisas os cambios que fixese Google. Se non tes acceso á ficha, o primeiro paso é reclamala.
Sobes a persiana ás nove, pero quen te busca no móbil ás nove e cinco ve «Pechado» en vermello e vaise ao de enfronte. Non te decatas, porque esa persoa nunca chega á túa porta. Por iso paga a pena mirar a túa ficha de cando en vez cos ollos dun cliente.
Nota: cito os nomes dos menús como aparecen na interface de Google en castelán, que é a que usa a maioría.
Por que Google di que o meu negocio está pechado?
Google non o inventa: o estado da túa ficha sae dalgún destes sitios.
- Ti (ou quen xestiona a ficha) o marcou. Un peche por vacacións ou por obras marcado como «Cerrado temporalmente» queda así ata que alguén o quite. Google non o reabre só.
- Suxeriuno outra persoa. Calquera cunha conta de Google pode propoñer en Maps que un sitio está pechado temporal ou permanentemente. Google revisa esas suxestións antes de publicalas, pero ás veces acéptaas.
- Cambiouno Google. Google cruza a túa ficha co que atopa noutras fontes, como a túa web, directorios ou achegas de usuarios, e pode actualizala se cre que os teus datos están desfasados. Son as «actualizacións de Google».
- Non é pechado: é o teu horario. Se o horario está mal, ou un festivo abres e non o dixeches, Google amosa «Cerrado ahora» ou «Abre a las…» en plena xornada. Para quen busca, o efecto é o mesmo.
Hai un quinto caso que empeora todos os anteriores: a ficha existe, pero ninguén a xestiona. Entón non che chega ningún aviso e non te decatas de nada.
Que diferenza hai entre «pechado temporalmente», «pechado permanentemente» e «pechado agora»?
- Pechado agora: non é un estado da ficha. Só di que, segundo o horario que ten Google, neste momento non abres. Arránxase corrixindo o horario.
- Pechado temporalmente: o negocio segue existindo, pero está parado. Google indica que os negocios pechados temporalmente poden aparecer máis abaixo ca os abertos en buscas xerais.
- Pechado permanentemente: o máis grave. A ficha pode seguir saíndo se alguén busca o teu nome, pero co aviso de que pechaches.
Como o arranxo paso a paso?
- Entra no teu Perfil de Empresa coa conta de Google que o xestiona: busca o nome do teu negocio en Google estando conectado, ou entra en business.google.com.
- Vai a «Editar perfil» e despois a «Horario». Xunto a «Horario», preme en editar e escolle «Abierto con horario principal».
- Revisa o horario día por día, coas pausas do mediodía se as tes, e garda.
- Busca as actualizacións de Google. Se Google tocou algo, sae un aviso arriba de todo, e no editor os datos que cambiou aparecen en azul. Desde que recibes o aviso tes 4 días para aceptar ou rexeitar cada suxestión. Se non respondes, Google pode publicala se coincide con outra información pública, como a da túa web.
- Comproba que a túa web di o mesmo. Se a túa web ten un horario vello ou un «pechado por vacacións» esquecido, Google pode volver usalo para corrixirche a ficha.
- Agarda a revisión. Google revisa os cambios antes de amosalos, así que poden tardar un pouco en verse en Maps. Se pasan os días e segue igual, escribe ao soporte do Perfil de Empresa desde a propia ficha.
E se non tes acceso? Busca o teu negocio en Maps e preme en «¿Es tuyo este negocio?» para reclamalo. Explícoo con máis detalle en como aparecer en Google Maps desde Vigo.
Un exemplo: unhas vacacións que duraron todo o outono. Poñamos unha panadaría de barrio que pecha dúas semanas en agosto e márcao como «Cerrado temporalmente», como debe. En setembro volve abrir, pero ninguén se lembra da ficha. Durante semanas, quen busca «panadaría preto» no barrio véa pechada ou directamente non a ve. A clientela de sempre segue entrando; a nova, non. Abondaba un minuto en «Horario» para volver a «Abierto».
Que fago se pecho uns días por vacacións ou por obras?
Google ten dúas ferramentas distintas e convén non mesturalas:
- Ata 7 días: usa o horario especial. En «Horario», vai a «Horario especial», engade as datas e déixaas como «Cerrado». A ficha segue aberta e volve soa ao teu horario normal.
- Máis de 7 días, tempada baixa ou un peche sen data de volta: usa «Cerrado temporalmente». E apunta no calendario o día en que tes que quitalo.
Para os festivos, o mesmo: o horario especial. Google adoita pedir aos negocios que confirmen o seu horario nos festivos sinalados, e é mellor contestar ti que deixar que outro o adiviñe.
Como evito que volva pasar?
- Xestiona a ficha cunha conta túa, non a dun sobriño ou a dunha axencia que xa non está. Se non, non che chegan os avisos.
- Que a web e a ficha digan o mesmo: horario, teléfono e enderezo. Google contrasta unha coa outra.
- Revisa a ficha unha vez ao mes coma se foses un cliente: busca o teu negocio no móbil e mira que ve a xente.
- Contesta aos avisos de Google neses 4 días. Rexeitar a tempo unha suxestión equivocada aforra semanas.
- Usa o horario especial en festivos e peches curtos, e deixa «Cerrado temporalmente» só para peches longos.
Se prefires non estar pendente, isto entra no coidado da web e da ficha que fago cada mes: SEO local para negocios de Vigo.
Abres cada mañá? En internet, tamén?
Esta idea contámola tamén en vídeo: a persiana sobe, e a pregunta é se en Google tamén.
Preguntas frecuentes
Pode un competidor marcar o meu negocio como pechado?
Pode suxerilo: calquera cunha conta de Google pode propoñer en Maps que un sitio está pechado. Google revisa a suxestión antes de publicala e, se xestionas a túa ficha, avísate para que a aceptes ou a rexeites. Por iso é tan importante ter a ficha reclamada e mirar os avisos.
Canto tarda en volver saír aberto?
Google revisa os cambios antes de amosalos, así que poden tardar un pouco en verse en Maps. Non dá un prazo fixo. Se tras varios días segue saíndo pechado, contacta co soporte do Perfil de Empresa.
Marcar «Cerrado temporalmente» faime perder posicións?
Segundo Google, un negocio pechado temporalmente pode aparecer máis abaixo ca os abertos en buscas xerais. Por iso, para peches dunha semana ou menos, é mellor o horario especial.
Custa diñeiro arranxalo?
Non. O Perfil de Empresa de Google é gratuíto e os cambios de horario ou de estado tamén. O único que custa é tempo e lembrarse.
Miguel A. Taboada
Deseño e desenvolvo webs, apps e IA útil desde Vigo. Escribo sobre o que vexo cada semana coidando webs de artistas, escolas e pemes.